¿QUÉ RELACIÓN TEN VIVEIRO CON FILIPINAS?


REDACCIÓN LANDRO

ALS 
DE VIVEIRO A FILIPINAS

(Crónica Histórica)
Viaxamos lonxe, ata unha desas novelas de aventuras, para un libro de Reverte ou un filme de Hollywood. A dunhos homes valentes que dende un pequeno pobo fixeron patria nos mares do Pacífico, grandes fazañas, contactos e conquistas, nun mundo descoñecido, exótico e duro, como se foran ó espazo exterior. Viveiro tivo unha pegada xigante nas Filipinas hoxe borrada da memoria. É un tema fondo, que cabe recordar. Os seus nomes están nas rúas, pero a rúa non os coñece.
Gómez Pérez das Mariñas e Ribanedeira (1539-1593)
Despois dunha vida de cargos de correxidor en España, foi nomeado 7º Capitán General de Filipinas, que se homologa a Gobernador ou Virrey. Saiu primeiro de Cádiz en Agosto de 1589 e despois de Veracruz en Marzo de 1590, cos navíos La Capitana e La Almiranta.
Débeselle o gran asentamento no arquipiélago, coa creación do Colexio de Santa Potencia como asilo para xóvenes españois, o inicio das obras da Catedral de Manila, o reforzo e remate do Forte Santiago, ou o cercado da cidade de Manila ou Intramuros. Ademáis de deixar no país unha gran presenza dominica , ou a fundación da cidade das mariñas de case 700.000 habitantes.
Precursor dos contactos co Xapón, a través do embaixador Faranda, por quen enviou previamente como pacificación espadas e dagas luxosas e unha legación diplomática á Illa de Ximo onde se atopaba a Corte, alí o famoso unificador do imperio Toyotomi Hideyoshi pediulle sumisión. Do mesmo modo mellorou as relacións comercias coa China, intensificando a exportación de produtos únicos na época como a seda, o papel, pólvora, trocados por prata vida de América.
Finou no intento de conquista das Illas Molucas e no posto de Ternate (do que foran expulsados os portugueses), por mor dun motín dos chinos sanglays que o acompañaban, trazoándoo a pesar de ir libres e armados por vontade de Gómez. Os españois xa intentaran outras incursións en 1582/84 frustradas, e esta última levada en segredo en 1593 na que participaron preto de 200 embarcacións e case mil homes, rematou coa sua vida no Mar de Célebes , tratada pola historia hispana de forma heróica. Quixo ser soterrado no mosterio de San Francisco en Viveiro, nunca olvidou o seu orixe, e apoiou distintas causas na vila natal.
Estivo casado en varias ocasións, pero apenas un mes e pouco con María Sarmiento, a nosa Latina Galega, que fundou por medio de herdanza, unha das primeiras institucións educativas laicas da península.
Luis Pérez das Mariñas e Sotomayor (1568-1603)
9º Gobernador. Xentil home de cámara ou paxe de Felipe II ata 1584. Fillo do anterior, o único varón, con vidas paralelas. A sua laboura foi a de reforzar e defender a praza e asentamento. Como xa fixera o pai, defendeu ó rei de Camboya Brhat Sasthra, contra os Thais ou Siameses, para que non caera definitivamente a capital Longvek, o pouco que quedaba do florecente Imperio Jemer. Intento que saiu mal, primeiro a través de Diego de Veloso a quen enviaron 2 elefantes como regalo para os Dasmariñas e despois con máis apoios.
Insistiu e legou o seu cargo para aventurarse en conquistar terras de China e Indochina, gastando unha fortuna da época, 20.000 ducados herdados en diferentes expedicións, con varios naufraxios polo medio, ata estivo ano e pico parado en Hong-kong e varias bahías da zona. Ata que voltou e finou na defensa de Manila con apenas 150 homes, deixando posuidor do seu patrimonio ó seu primo Fernando de Castro descubridor das Illas Salomón, que casaraía coa primeira almiranta da historia Isabel Barreto.
Pero se algo cabe destacar deste persoeiro de Viveiro, é que grazas a él temos un dos tratados de antropoloxía máis importantes da historia. O que é o Códice Mendoza para América é o CÓDICE BOXER para Asia. O máis probable e que Luis o mandara facer como informe, na actualidade atópase depositado na Lilly Library da Universidade de Indiana, USA. Perteneceu ó filántropo Lord Ilischester, salvado dos bombardeos nazis de Londres de 1940 na Holland House, mercado por 70 libras nunha subasta en 1947 por Charles Ralph Boxer, de ahí o nome. É unha obra magnífica, unha xoia paleográfica e artística que explica ou describe as etnias do Sudeste Asiático, Asia Oriental e Micronesia, tamén clasifica animais ou deuses. Posiblemente influido por traballos previos de Martín de Rada. O códice ten case 100 debuxos elaborados por mans chinesas, de cores vivos e unha áurea fantástica.
Teodoro de Quirós (1599-1662)
Fraile dominico que chegou a Manila en 1627 e no 32 xa era catedrático de Filosafía da Universidade de Santo Tomás. En 1642 foi apresado xunto con medio centenar de homes polos Holandeses que os levaron á Illa de Xava e despois dun periplo pola Illa de Célebes de case 10 anos conseguiron regresar a Manila no 1649, facéndose Prior. Notable polo seu papel de evanxelización, de apoio os desfavorecidos, pero tamén pola súa sensibilidade cos pobos indíxenas, moi querido segundo as crónicas da época. É un dos primeiros casos da historia de preservación e estudo das línguas vernáculas ou nativas co Tagalo, falado hoxe por máis de 100 millóns de persoas no planeta, a súa obra maiúscula foi “Gramática y Diccionario de la Lengua Tagala”.
Nicolás Cora Montenegro (1738-1827)
Despois de pasar pola Coruña ou Valladolid, na profesión docente eclesiástica, pero marcado polas suas aspirancións de propagación da relixión, embarcou voluntariamente cara Manila en 1769. Primeiramente Catedrático de Dereito Canónico e rematou sendo Rector da primeira Universidade de Asia, co número 64 de 1789 a 1794.
Gozou de gran prestixio, ocupando diversos cargos polas suas dotes intelectuais e férreo compromiso coa misión.
Servando Fernandez-Vitorio y Arenas (1834-1907). Xurista que estivo casado con Acacia Cociña, o sogro foi o político máis importante que veu nacer Celeiro, o liberal Vicente Manuel, (Xornalista político perseguido coa sombra constante de conspirar para a caída dun goberno). Servando foi coñecido pola sua intervención no levantamento revolucionario de Tremp, os avatares da vida levárono a investigar as causas do asasinato do Xeneral Prim, presidente da Primeira República de 1868. Relegado e destituído en varias ocasións foi nomeado Presidente da Real Audiencia de Filipinas, en 1891 foi testigo directo da insurrección e da antesala do inicio da guerra contra USA, unha das poucas autoridades que non aceptou xamáis a rendición. Rematou sendo Deputado en Cortes por Lalín e intentouno por Viveiro.
Outros son: Gervasio Sampedro López, capellán que asistiu á batalla do Callao en Perú e morreu en Cavite en 1889, Fr Juan Gutierrez tamén dominico en 1861 ordeado Prior do Convento de Manila, Fr Juan Alonso misionero do XVIII, ou Joaquin Reixa García oriundo pero nacido en Cuba que pertenceu á Compañía de Filipinas no rango de Teniente Coronel e un senfín de homes e nomes propios de Viveiro de marinería e forzas misioneras, que algún día coa apertura e dixitalazión de arquivos verán a luz...
A bandeira cultural e os lazos son a perfecta porta e ponte para as relacions diplomáticas e non cabe dúbida de que esta historia pode afianzar amizades. De Viviero a Filipinas, todos e cada un deles, levaron tatuado na memoria o nome da nosa vila ata a morte e os sobresforzos nunca teñen que olvidarse, para foxar futuro debemos coñecer o noso pasado. Hoxe existen viveirense nesas partes do planeta, e quen sabe se mañá co cremento e expansión global voltaremos a ver ós nosos curmáns do Pacífico facendo historia no mundo.


 


Comentarios

Publicacións populares